De
seguro é unha pregunta que todas e todos nos facemos cada vez que se
coñece unha morte por suicidio, e máis aínda se a
persoa falecida era nova. Facernos esta pregunta ten que ver, ou vai
acompañada, de reaccións de perplexidade, desacougo ou pura
incomprensión. Detrás de cada morte hai unha persoa, cunhas
circunstancias concretas, uns acontecementos biográficos, un entorno
relacional e unhas características persoais que nun tempo determinado
conflúen e se acumulan de tal modo que poden aumentar a posibilidade de
risco suicida.
En calquera caso, derrúbase o mito da
infancia feliz, do mesmo xeito que debera derrubarse o mito da
adolescencia conflitiva ou a mocidade superficial. Hai un monto de
sufrimento tal en tantas persoas que poden chegar a ver o suicidio como
unha forma de deixar de sufrir. Temos que insistir que hai posibilidades
de atención en momentos de especial vulnerabilidade; de que hai persoas
no entorno próximo e tamén profesionais dispostos a escoitar e axudar.
Pero como sociedade non debemos mirar a
outro lado, quedándonos coa idea de que o suicidio é algo individual.
Non podemos eludir a nosa responsabilidade colectiva no problema e na
solución. Porque existe un contexto social no que a mocidade desenvolve
a súa vida. E existen determinantes estruturais que causan o profundo
malestar de vivir en determinadas condicións.
Temos que falar da violencia social,
aquela baseada no mantemento do poder: a violencia de xénero; a
violencia doméstica; as agresións racistas ou homófobas; o acoso escolar
multiplicado nas redes; o acoso nas contornas laborais. Estas violencias
impactan na súa forma máis cruenta desde idades novas.
Temos que falar do modelo social e
socioeconómico imperante na nosa sociedade, que reflicte todas as nosas
contradicións: un modelo de competitividade que xa comeza desde moi
pequenos, vidas precarizadas ata a extenuación; mobilidades forzosas co
desarraigo que acompañan; incerteza no futuro e dificultades para lograr
un proxecto vital viable. Todo isto mentres se nos vende a idea de que
podemos conseguir todo o que desexemos, sen límites.
Temos que falar da socialización e
educación de xénero, onde se internalizan roles que estreitan as
posibilidades de existencia, que castiga a disidencia
dos corpos, das identidades e dos desexos e que poden levar a
sentimentos de culpa, comportamentos autopunitivos e un rexeitamento
feroz de nós mesmas. Todos estes factores son exemplos sinalados nas
investigacións como factores de risco de mala saúde mental e de
suicidio.
Debemos construír unha alternativa a este
desastre, superar a inercia na que vivimos, deixar de ser unha sociedade
expulsiva e crear contextos nos que non habite a violencia. Empecemos
por deixar de ser condescendentes coa mocidade e escoitemos as súas
necesidades e propostas. Non banalicemos a saúde mental e esixamos aos
gobernos que dediquen os recursos e os esforzos necesarios para cambios
sostibles.